Wednesday 01 de May de 2024

O centro cultural de Sigüeiro acollerá ata o 30 de novembro unha exposición da fotógrafa


A fotógrafa santiaguesa Loli Fernández e o concelleiro de Cultura de Oroso, Antonio Leira, inauguraron unha exposición de fotografías enmarcada na edición 32 do Outono Fotográfico, certame no que o Concello de Oroso participa por sexto ano consecutivo. Unha mostra que recolle unha selección de 18 imaxes de Loli Fernández, fotógrafa de Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela.

A exposición mestura impactantes imaxes en branco e negro de primeiros planos de veciños e veciñas da contorna de Compostela, cunha selección de paisaxes da bisbarra na que a fotógrafa gusta de xogar coas luces e as sombras, buscando sempre darlle un significado ás súas imaxes máis aló do que está a simple vista. Algo que poderán comprobar todos os veciños e veciñas que se acheguen polo salón de exposicións do centro cultural de Sigüeiro antes do vindeiro 30 de novembro.

O Concello de Oroso leva seis anos consecutivos participando no Outono Fotográfico, o festival galego de fotografía que chega este ano á súa 32 edición. Polo Outono Fotográfico de Oroso teñen pasado fotoxornalistas como Xoán Soler e Sandra Alonso (de La Voz de Galicia), unha mostra conxunta de El Correo Gallego e Patricia Santos (fotógrafa centrada actualmente na reportaxe social e que ten traballado en xornais como El País, El Correo Gallego ou Santiago Siete), aos que se suma hoxe Loli Fernández (Lindeiros). Canda eles teñen exposto tamén grandes fotógrafos da contorna orosá como Antonio Matías, Carlos Pereira, Belén Rodríguez, José Lagares e María Marcos.